Os sindicatos critican o apoio mediático á manifestación contra Ence na súa protesta contra a reforma das pensións
Por Anxo Lourido
Máis de cincocentas persoas, convocadas polos sindicatos UGT e Comisións Obreiras (CC.OO.), percorreron as rúas de Pontevedra dende a praza da Ferrería ata a Subdelegación do Goberno en contra da reforma das pensións que proxecta o Goberno central.
Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT, apuntou que "Esta é unha xornada máis de loita e de rexeitamento. Estamos na rúa por cuestións que defende unha maioría, non parlamentaria senon a que está na rúa. Todos queremos que unha mobilización sexa o máis maioritaría posible, pero son continuas durante toda a semana, hai mobilizacións sectoriais e hai esta mobilización que recolle todas as outras. Hai que oír á cidadanía, non á maioría parlamentaria e que eles utilizan", en referencia á actuación do Goberno do Partido Popular. Criticou, ademais, a ausencia da CIG para defender unha reivindicación común.
Na manifestación déronse cita delegados sindicais en áreas como Sanidade ou Educación e pechaba a marcha un grupo de traballadores e representantes do comité de empresa de Elnosa cunha pancarta na que reclamaban a defensa dos postos de traballo.
José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO., arremeteu contra a escasa notoriedade que se quixo dar esta manifestación tanto dende institucións políticas coma dende os medios: "neste tema estamos sufrindo un apagón informativo dalgúns medios escritos. Un le os periódicos e observa que hai militancia de anunciar a manifestación desta tarde (en referencia a da Plataforma 2018 contra a permanencia de Ence e Elnosa en Lourizán)". García Pedrosa sentenciou: "Aquí nesta cidade parece que viste máis traballar a prol da destrución de emprego que traballar polos dereitos dos traballadores. Evidentemente, desde logo, para a mobilización que estamos facendo é importante a difusión. Nós os sindicatos facemos a convocatoria, pero non é o mesmo se teñen difusión que se non a teñen".
En canto aos motivos da manifestación, o representante de CC.OO. apuntou "nós consideramos que non existen razóns para que se aprobe a reforma tal e como está plantexada. Vai a supoñer unha reforma das pensións a partir do 2019 cunha baixada de entre o 15 e o 28%".
Como grupo político participou Esquerda Unida-Izquierda Unida coa presenza da coordinadora nacional, Yolanda Díaz, que se sumou durante uns minutos á protesta polas rúas de Pontevedra.