A Deputación reduce o seu orzamento para 2014 e decide priorizar investimentos e plans de emprego
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra ultima o seu orzamento para 2014. Unhas contas que ascenden a 145,9 millóns de euros. As liñas básicas, segundo a institución provincial, serán seguir afondando nas políticas de xeración de emprego, manter o nivel de apoio aos concellos en infraestruturas, investimentos e servizos conxuntos, garantir as accións de benestar social e seguir avanzando no equilibrio orzamentario e na redución da débeda.
En concreto, das contas de 2014, que se reducen un 1,73% con respecto aos 148,5 millóns deste ano, a maior partida volve ser a destinada ao capítulo de persoal. Serán 42,3 millóns de euros, unha cantidade lixeiramente inferior á do actual exercicio. Nela inclúese a partida de máis de 3,2 millóns para a contratar persoal destinado a obras e servizos prioritarios nos concellos e outros 3 millóns para bolsas de emprego destinadas a mozos desempregados.
Preto de 35 millóns de euros destinaranse a investimentos directos. Deles, 14 millóns de euros serán para plans de obras e servizos nos concellos, aos que hai que sumar outros case 4 millóns para servizos comunitarios e gasto corrente, 2 millóns para diversos servizos municipais e 2,5 para infraestruturas deportivas municipais. Ademais, na mellora das estradas provinciais investiranse 10 millóns de euros.
En gastos correntes, a Deputación prevé destinar 29,7 millóns de euros, un 5,66% máis que este ano. ÿ outra das grandes partidas destes orzamentos, que nos próximos días entregarase aos partidos da oposición para o seu estudo.
Con respecto á redución da débeda, que a Deputación quere situar en cero no ano 2018,os orzamentos recollen unha partida de 14 millóns de euros para amortizacións, co que se agarda pechar o ano cun endebedamento de 54,8 millóns de euros, é dicir, menos do 40% dos recursos correntes. Ao financiar os investimentos e servizos sen necesidade de acudir a ningún préstamo novo, rebaixaranse tamén, segundo destaca a institución, os gastos financeiros.
Relacionadas:
-
O goberno provincial asegura que a Deputación cumprirá o seu obxectivo de 'Débeda Cero' no horizonte do 2018
Por Oskar Viéitez |
-
O Pleno da Deputación aprobará este venres os seus orzamentos
Por Redacción |
-
O orzamento da Deputación para o ano que ven ascenderá a 146 millóns de euros
Por Redacción |