Lourido estrea o seu propio banco LGTBI+
Por Redacción
O Paseo de Lourido loce con 'orgullo' un novo banco multicolor en homenaxe ao colectivo LGTBI+.
Trátase dunha iniciativa que pretende "contribuír a dar visibilidade nos espazos públicos ao colectivo e ao compromiso da Corporación municipal a prol dos dereitos e a non discriminación", sinala a edil de Igualdade, Silvia Díaz.
Esta medida súmase á moción en defensa do coletivo LGTBI+ que está previsto debater este martes 28 de xuño no pleno da corporación municipal a proposta de Avante Poio, na que se busca instar ao Concello a traballar na erradicación "das condutas homofóbicas, bifóbicas e transfóbicas nos distintos ámbitos de convivencia, así como reprobar as desigualdades e discriminacións que a día de hoxe seguen sufrindo as persoas deste colectivo".
No texto tamén se insta á Xunta de Galicia a que priorice a difusión dos informes do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, creado en 2018 para analizar os principais problemas do colectivo LGTBI+.
Díaz lembrou ademais que estes días a fachada principal do consistorio lucirá a bandeira multiculor con motivo da celebración do 'Orgullo', para manifestar "o posicionamento da Corporación municipal en favor da diversidade, da liberdade afectivo-sexual e de identidade de xénero".