Protesta en Correos da CIG para denunciar recortes de dereitos e servizos
Por Mónica Patxot & Redacción
Persoal de Correos concentrábase este martes 28 ás portas da sede da empresa estatal na rúa da Oliva, convocada polo sindicato CIG. Desta forma pretenden mostrar a súa denuncia de recortes de dereitos e servizos neste servizo.
Desde a central nacionalista denuncian que os carteiros rurais perden diñeiro coa entrega de correo. A empresa paga un suplemento por utilización do vehículo, que se atopa conxelado desde o ano 2011, mentres que o prezo do carburante achégase aos tres euros por litro. En relación co salario, o colectivo mostra a súa preocupación pola perda de poder adquisitivo acumulada, con conxelación salaria e subidas por baixo do IPC, ao que se suman as penalizacións e descontos por baixas ao persoal laboral.
Reclaman unha convocatoria dos representantes de traballadores para estudar unha subida compensatoria para o persoal xa que os salarios atópanse devaluados ante o incremento de prezos xeral. Sinalan tamén a perda do rexistro de Santiago, unha canle de comunicación entre a entidade e o persoal. Isto supón que, na actualidade, calquera traballador deberá gastarse diñeiro nun enviou por procedemento administrativo cando queira tramitar de forma oficial calquera solicitude. Os delegados aseguran que isto supón unha discriminación de Galicia respecto a outras comunidades autónomas onde se mantén este sistema.
Alertan dun recorte de servizos durante este verán debido á falta de contratación. Explican que Correos non cobre as prazas vacantes nin contrata por baixas, vacacións ou por calquera circunstancia. Esta situación provoca, segundo denuncian, que haxa barrios nos que non se poida realizar a entrega ou que os carteiros se multipliquen por varias seccións de repartición cunha menor calidade do servizo.
Tamén poñen no punto de mira o precario mantemento da frota de vehículos con carencias como rodas gastadas, pantallas das motos raiadas ou limpa parabrisas en mal estado. Ademais destacan o mal funcionamento dos sistemas informáticos nas oficinas e na repartición ao bloquearse de maneira habitual, provocando colas de espera e queixas das persoas usuarias.
Aseguran que están "fartos de tanta presión e de esixencias de obxectivos de venda". Piden condicións dignas e esixen a equiparación de dereitos co resto do persoal da Administración xeral e un catálogo de enfermidades profesionais.