A FP Dual amplía a súa oferta en Pontevedra co ciclo de Estética Integral e Benestar no Frei Martín Sarmiento
Por Manu Otero
Un terceiro instituto de Pontevedra súmase á oferta de ciclos de Formación Profesional na modalidade dual. Unha alternativa que cada vez ten máis tirón entre os mozos e que consiste en combinar a formación teórica nas aulas coas prácticas remuneradas en empresas.
Ata o de agora esta opción só ofrecíana o Carlos Oroza e o Luís Seoane nalgunha das súas titulacións, pero a partir do próximo curso farao tamén o IES Frei Martín Sarmiento co Ciclo Superior de Estética Integral e Benestar.
O prazo de solicitude de praza para o próximo curso permanecerá aberto ata o 5 de xullo. O ciclo constará de dous cursos e ofrece a oportunidade de alternar a formación no centro educativo de setembro a marzo coa formación práctica remunerada desde o primeiro ano nunha empresa colaboradora desde marzo a agosto, cos seus respectivos días de vacacións, un salario mensual dos 500 euros e de alta na Seguridade Social.
Trátase dun novo formato educativo que non deixa de crecer en toda Galicia e que incrementa de forma notable a empregabilidade dos titulados.
No caso do FP Dual de Estética Integral e Benestar, as empresas que colaboran co IES Frei Martín Sarmiento son: Hotel A Quinta da Auga, Hotel Gran Hotel Nagari, Augusta Spa Sanxenxo, Gran Talaso hotel Sanxenxo, Hotel Spa Atlántico, Hotel Spa Norat y Hotel Talaso Louxo.
Toda a información relacionada con este tipo de ciclos superiores pode consultarse na sección de FP da Consellería de Educación.
Relacionadas:
-
Sanxenxo quere converter o colexio O Cruceiro nunha referencia da eficiencia enerxética e accesibilidade
Por Redacción |
-
O Instituto de Vilalonga acollerá un novo ciclo de FP Básica Dual de Cociña e Restauración
Por Redacción |
-
O Centro Carlos Oroza, exemplo de calidade do ensino de FP en Galicia para o conselleiro de Educación
Por Redacción |