Once locais participarán no Caldelas Tapas este mes de xullo
Por Redacción
Este venres 1 de xullo iníciase unha nova edición do certame Caldelas Tapas, que se desenvolverá ao longo do mes nas xornadas dos venres 15, 22 e 29. O prezo das tapas será de 1,50 euros e a bebida terá un prezo á marxe.
Esta proposta que promove o Concello de Ponte Caldelas contará, unha vez máis, coa participación dos once establecementos hostaleiros da vila, que ofrecerán tapas baixo as denominacións: Tortilla Rústica, Caprichosa, Pionono, Tosta de carrilleras, Pasticiati ao Atelier, Blanqueta, Cebiche de lagostino, Carpaccio Fidel, Rolo de carne, Rissole brasileiro e Filloa da casa.
Durante este mércores celebrouse a degustación das tapas a cargo do xurado desta edición, formado polo chef Pepe Vieira, a reposteira Conchi Amoedo e Ángeles Míguez 'Lita', ex propietaria dun establecemento do municipio. O xurado analizou o sabor das propostas; a presentación; a utilización de produtos de orixe local e de tempada; ademais da orixinalidade de cada combinación. O alcalde Andrés Díaz tamén asistía a esta degustación.
A principios do mes de agosto farase pública a decisión do xurado, cando finalecen as sesións previstas ao longo do mes, coas que o Concello pretende atraer visitantes aos locais.