A parada de autobús de Laño, con nova localización e maior seguridade
Por Redacción
A parada de autobús de Laño, situada na estrada PO-308 en Poio, vai ser obxecto dunha reforma que vai mellorar a seguridade viaria neste punto
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou as obras de acondicionamento da parada á empresa Obras, proyectos y actividades S.L. por un importe de máis de 32.000 euros.
As obras comezarán nas vindeiras semanas e prevén o acondicionamento da zona de instalación da nova localización desta parada de autobús da estrada PO-308, que se situará no ámbito da cuña de desaceleración existente na contorna do punto quilométrico 9+400.
Para isto, procederase ao traslado da 'marquesiña' actual desde o punto quilométrico, dando continuidade ao itinerario peonil na marxe dereita da estrada autonómica, mediante a construción dun novo tramo de senda.
O novo treito de senda na PO-308 contará cun ancho mínimo de 1,8 metros e pavimento de formigón, e estará elevada 10 centímetros con respecto á calzada.
Tamén se procederá á colocación nos vaos peonís de pavimento táctil de botóns e direccional. A presenza da parada de bus será advertida con pavimento podotáctil.
Vaise dispoñer un novo paso de peóns no punto 9+340 da PO-308 que permita comunicar os itinerarios peonís das dúas marxes da estrada con seguridade.
As obras incluirán a disposición dunha nova sinalización horizontal e a execución, baixo a senda, dunha gabia para a instalación de canalizacións de telecomunicacións. A drenaxe neste itinerario resolverase cunha canalización subterránea, que dará continuidade á rede existente, así como os correspondentes pozos e sumidoiros.