Laño estreará moi pronto a nova marquesiña na PO-308 para o autobús
Por Redacción
Os traballos para acondicionar a nova parada de autobús na estrada PO-308, á altura de Laño, xa comezaron. Neles, a Xunta de Galicia prevé investir algo máis de 32.000 euros.
A parada sitúase no ámbito da cuña de deceleración existente na contorna do punto quilométrico 9+400 da vía autonómica.
A marquesiña actual vaise a trasladar uns cen metros, dando continuidade ao itinerario peonil na marxe dereita da estrada autonómica, mediante a construción dun novo tramo de senda.
O novo treito de senda na PO-308 contará cun ancho mínimo de 1,8 metros e pavimento de formigón cor terriza, e estará elevada 10 centímetros con respecto á calzada.
Nesta intervención, que está a levar a cabo a empresa Obras, proyectos y actividades S.L., prevese ademais a colocación nos vaos peonís de pavimento táctil de botóns e direccional.
A presenza da parada de bus será advertida con pavimento podotáctil.
Tamén se disporá un novo paso de peóns que permita comunicar os itinerarios peonís das dúas marxes da estrada PO-308 con seguridade.
Ademais dos traballos anteriores, as obras incluirán a disposición dunha nova sinalización horizontal e a execución, baixo a senda, dunha gabia para a instalación de canalizacións de telecomunicacións.
A drenaxe neste itinerario resolverase cunha canalización subterránea, que dará continuidade á rede existente, así como os correspondentes pozos e sumidoiros.