A supresión dunha unidade educativa no colexio A Xunqueira 2 chega ao Parlamento
Por Redacción
A supresión dunha unidade de educación infantil no CEIP A Xunqueira 2 de Pontevedra chegou este luns ao Parlamento de Galicia.
O grupo parlamentario do BNG rexistrou unha proposición non de lei na que solicita á Xunta de Galicia que rectifique a súa decisión, que se comunicou ao centro o pasado mércores 22 de xuño, en pleno fin de curso.
A decisión supón suprimir unha unidade de educación infantil para o vindeiro curso, feito que obriga a unificar dúas aulas de quinto de educación infantil que o ano pasado sumaban 26 estudantes e que este ano teñen 25.
O deputado nacionalista Luís Bará critica que esta decisión, "malia axustarse á legalidade", vai supoñer unha "importante merma" da calidade educativa, xa que conleva a perda dunha profesora e a unificación nun grupo de 25 de dúas aulas que o ano pasado tiñan 13 alumnas.
Bará considera que "o mero feito numérico de perder un alumno e a aplicación estrita da ratio vai supoñer un forte retroceso" na atención e na calidade educativa do alumnado do quinto curso de infantil.
Ademais, sinala que cómpre ter en conta que no grupo existen nenas e nenos con necesidades educativas especiais, o que supón un esforzo engadido e unha perda da capacidade de atención por parte do profesorado.
O deputado pontevedrés sinala que a decisión foi comunicada de maneira "moi tardía" e lembra que derivou nunha forte mobilización da comunidade escolar, que recolleu máis dun milleiro de sinaturas en poucos días e enviaron escritos á inspección educativa e á xefatura territorial de educación solicitando que se revise e se rectifique a decisión adoptada.
Relacionadas:
-
RADIO.- Achégase o inicio do curso escolar con nova lei e máis caro para as familias
Por Redacción |
-
A CIG súmase á campaña contra o peche de unidades de infantil no CEIP A Xunqueira 2
Por Redacción |
-
Mil sinaturas contra a supresión de aulas na Xunqueira 2: "É o momento de baixar a ratio"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |