En agosto estarán finalizadas as obras do albergue de Carril
Por Redacción
O domingo 31 de xullo é a data establecida para poñer fin aos traballos que se acometen para rehabilitar a estrutura do edificio público inacabado que se atopaba desde hai máis dunha década nun punto céntrico de Carril con vistas á ría de Arousa e que agora se converterá no albergue de peregrinos da parroquia arousá.
Carmela Silva, presidenta da Deputación, e o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, visitaban este luns as instalacións onde se executan os traballos de reforma cun orzamento de 600.000 euros, financiados integramente pola Deputación de Pontevedra, a través do Plan Concellos.
Este albergue de Carril ofrecerá unha capacidade para acoller a trinta persoas. A estrutura reducirá o consumo enerxético, contará con placas solares para a auga quente sanitaria e destaca externamente porque se aproveita a estrutura da vella edificación destinada a centro sociocultural. Os 500 metros cadrados totais do albergue repártense en tres pisos cunha zona de madeira na que se inclúen os cinco dormitorios comunitarios con seis liteiras da instalación.
No baixo situarase a recepción con vestíbulo e librería-biblioteca. Este espazo comunícase por unha rampla cunha lavandería e un recinto para bicicletas dos usuarios.
Inclúense consignas para gardar efectos persoais, salas de estar, aseos nunha contorna con boa ventilación e luz natural grazas á enorme cristaleira con vistas á ría, que ocupa a fachada. Tamén ofrece unha terraza.
Carmela Silva destacou que a xestión do albergue será cedida á Xunta de Galicia e sinalou que a administración autonómica "tería que facer esta obra, do mesmo xeito que fai noutros concellos".
Tamén Alberto Varela agradeceu o esforzo realizado pola Deputación para acometer esta obra "cando queremos algo importante a porta á que temos que chamar é a laa Deputación, que sempre vai da man cos concellos. En cambio, a Xunta actúa ou non en función da coincidencia do signo político".
O alcalde destacou que a obra avanzase a pesar da pandemia, a crise de subministracións e a subida dos prezos de materias primas. Quixo lembrar tamén á Xunta de Galicia que sería preciso que achegase algún mobiliario, unha lavadora e un microondas, a este inmoble que ocupará unha posición central na Variante Espiritual do Camiño de Santiago.
Relacionadas:
-
Carril xa presume do único albergue público da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e fluvial do Camiño de Santiago
Por Redacción |
-
Vilagarcía humaniza a rúa Sobrán dotándoa de todos os servizos
Por Redacción |
-
A escola infantil de Vilaxoan obtén unha mención nos premios de arquitectura e rehabilitación de Galicia do 2020
Por Redacción |
-
Marconsa construirá o albergue de peregrinos de Carril
Por Redacción |