Marconsa construirá o albergue de peregrinos de Carril
Por Redacción
A Xunta de Goberno do Concello de Vilagarcía de Arousa aprobará a proposta da mesa de contratación para adxudicar á empresa Movimientos de Áridos y Construcciones de Arosa (Marconsa) a obra do albergue de peregrinos de Carril.
A oferta desta forma foi a mellor valorada das seis que concorreron ao concurso, ao rebaixar en 78.000 euros o prezo de licitación e ofrecer varias melloras en elementos eléctricos e de xardinería, ademais de ampliar en 12 meses o prazo de garantía que, deste xeito, chega a 2 anos.
A actuación licitouse por importe de 600.000 euros e adxudícase por 522.000 (impostos incluídos). A actuación financiarase a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial de Pontevedra, o denominado Plan Concellos.
A creación do albergue de peregrinos de Carril é un dos proxectos máis ambiciosos do goberno do alcalde Alberto Varela para o actual mandato e ten como obxectivo impulsar ao sector turístico local aproveitando a fonda tradición Xacobea coa que conta Vilagarcía, punto de inicio da Ruta Marítimo-Fluvial do Mar de Arousa-Ulla, o camiño primixenio. A obra ten un prazo de execución de 10 meses.
Este novo servizo turístico crearase aproveitando a estrutura inacabada coa que no seu día ía a ampliarse a Casa de Cultura de Carril. O arquitecto iago Fernández Puentes é o autor do proxecto de reforma do edificio para a súa conversión nun moderno e funcional albergue de 443 metros cadrados de superficie, con capacidade para 30 persoas e dotado de todos os servizos necesarios.
A idea é que o edificio resultante semelle un miradoiro á ría, perfectamente integrado na contorna e inspirado nas arquitectura popular galega tradicional das vilas mariñeiras. Contará con baixo, primeiro andar e baixo cuberta, así como cun terreo aledaño que se aproveitará como zona de recreo.
Relacionadas:
-
Carril xa presume do único albergue público da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e fluvial do Camiño de Santiago
Por Redacción |
-
En agosto estarán finalizadas as obras do albergue de Carril
Por Redacción |
-
Investirán 430.000 euros para mellorar a eficiencia enerxética do albergue de peregrinos
Por Cristina Saiz |