Cruzada contra os balonazos na Pasarela
Por Manu Otero & Mónica Patxot
Un grupo de comerciantes da rúa José Adrio iniciou unha campaña de recollida de sinaturas para regular o uso de balóns na praza da Pasarela.
Donos de establecementos comerciais e peóns aseguran levar tempo padecendo os efectos de balonazos por parte de preadolescentes que organizan partidos neste lugar provocando desencontros co resto de usuarios da praza e algún que outro dano no mobiliario urbano e nos bens de cafeterías, florerías e outros comercios da contorna.
"Non nos molestan os menores, gústanos que estean a xogar, pero ás veces hai unha cantidade de forza excesiva cos balóns", declara un dos promotores dunha iniciativa que recolleu nunha soa tarde medio centenar de firmas.
"Houbo balonazos a persoas maiores, nas vivendas tamén se queixan porque os balóns voan moi alto e nos comercios tamén sufrimos balonazos contra as cristaleiras, roturas de mobilairio urbano, ruídos...", engaden os afectados puntualizando que nunha florería da zona é habitual que lle rompan as plantas. Ademais, advirten que en moitas ocasións os balóns escápanse á estrada co risco de atropelo ou accidente que conleva.
Por todo iso, presentaron no Rexistro municipal unha proposta para que "non se xogue á pelota con esa forza porque non hai medios estruturais para xogar un partido de fútbol. Non é a praza adecuada".
Con todo, puntualizan os comerciantes que "o motivo dá nosa queixa non é a zona de lecer infantil senón vos balóns descontrolados golpeando contra todas partes". De feito, a situación está a xerar problemas de convivencia entre os menores, os seus proxenitores e o resto de usuarios da praza polas discusións que se orixinan.
É por iso que instan o goberno local a intervir para regular os usos desta praza e para habilitar unha zona adecuada para que os preadolescentes xoguen co balón sen provocar molestias.