Un chiringuito abrirá na praia do Lérez: "Non hai onde tomarse un xeado ou un refresco", di o promotor
Por Manu Otero
A praia fluvial do Lérez terá un chiringuito. Aínda non hai data para a súa apertura, que se atopa á espera dun último trámite municipal, pero a intención dos promotores é instalalo na zona arborizada entre o areal e vella ponte do tren.
Detrás desta iniciativa está a firma Urban Culture Factory, que desenvolve desde fai dous veráns neste enclave os campamentos de pádel surf. "Estamos alí en xullo e agosto, detectamos que había esa carencia porque non hai onde tomarse un refresco ou un xeado", explica o responsable da empresa, Toño Escudero.
Cada ano aumenta o número de bañistas que acoden a este areal e as carencias do mesmo son cada vez máis notables. "Case todas as praias fluviais que coñezo teñen chiringuito", indica Escudero salientando en que no caso de Pontevedra, ademais, non hai ningún bar preto. "Non sei onde van buscalos, pero moitas veces vexo chegar aos pais dos nenos cos xeados xa medio derretidos", remarca.
Foi así como, a finais do pasado verán, decidiron pasar á acción. Desenvolveron un proxecto e presentaron a proposta a Costas no mes de abril e xa contan co permiso de explotación. Con todo, o visto e prace do Concello está a dilatar a súa apertura.
"Paréceme que para este verán xa vai ser moi complicado, pero a ver se polo menos podemos abrir en agosto, se non será o ano que vén", asume Escudero con resignación.
O proxecto contempla a instalación dun contedor marítimo reconvertido en bar, así como unha pequena terraza na zona de sombra contigua á praia. Tampouco descartan no futuro completar o servizo cun posto de alugueiro de táboas de pádel surf para todos os bañistas.
"Dará máis vida á zona", conclúen desde Urban Culture Factory apremando ao funcionariado do Concello a resolver un expediente que teñen sobre a mesa desde o mes de maio.