Un total de 135 nenos participan na ludoteca de Caldas
Por Redacción
Un total de 135 nenos caldenses de 3 a 9 anos xa están participando na ludoteca do mes de xullo, superando as 120 prazas que foron ofertadas inicialmente, estando previstas outras 80 prazas para o mes de agosto.
A temática desta edición vai relacionada co Camiño de Santiago, baixo o lema "Pasiño a pasiño facemos o Camiño", coa finalidade de dar a coñecer o significado e os valores do Camiño de Santiago, parte fundamental e cultura de Galicia e de Europa.
Tamén faranse actividades relacionadas coa educación vial, a alimentación saúdable na praza de abastos, visitarase a fervenza de Segade e, se o tempo o permite, algunha praia entre outras actividades.
O alcalde, Juan Manuel Rey, e o concelleiro de Educación, Jacobo Pérez, inauguraron a ludoteca nas instalacións do CPI Alfonso VII, destacando que con este servizo municipal facilítase a conciliación da vida laboral e familiar durante as vacacións escolares do verán, combinando lecer e tempo libre con funcións socializadoras, lúdicas e educativas.
Coa ludoteca poténciase o xogo en grupo como un modo de entretemento, diversión e aprendizaxe, favorécese o desenvolvemento mental, afectivo, psicomotor e sensorial, e propóñense xogos con materiais diversos e a propia fabricación de xoguetes fronte ao consumo masivo de xoguetes mercados.
O concelleiro de Educación, Jacobo Pérez, subliñou que dende o Concello foi solicitada unha subvención á Secretaria Xeral de Igualdade para financiar unha parte do gasto da ludoteca, que finalmente non foi concedida, quedando na lista de agarda por se a Xunta de Galicia decide ampliar a partida orzamentaria.
Relacionadas:
-
A solidariedade centra as actividades do Campamento Urbano de Caldas de Reis
Por Redacción |
-
A ludoteca de Caldas supera as prazas previstas e chega a 125 participantes
Por Redacción |
-
Un total de 55 nenos participan nas actividades de verán de Portas
Por Redacción |
-
LudoCaldas ofrece 120 prazas para o mes de xullo e de 80 para agosto
Por Redacción |