A Deputación aproba 2 millóns de euros en investimentos para 8 concellos
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva deu conta dos dous millóns de euros en investimentos aprobados este venres na Xunta de Goberno con destino oito concellos da provincial.
Concretamente, estes fondos do Plan Concellos serán para A Estrada, Meis, Mondariz, Moraña, Nigrán, O Rosal, Salceda e Tomiño.
"Financiamos pavimentación, beirarrúas, accesos, saneamento, sinalización, a rehabilitación dun muíño e a reforma dunha escola unitaria", detallou Carmela Silva.
Ademais o goberno provincial aprobou o proxecto da senda peonil que percorrerá o litoral entre a praia de As Sinas co núcleo urbano de Vilanova de Arousa. Está orzado en 275.000 euros dos que a Deputación asume o 80% e o resto o Concello.
O convenio xa está asinado e inclúe, ademais, o compromiso de transferir ao Concello a nova senda peonil de 810 metros de lonxitude que se suman aos 86 metros doutro tramo urbanizado na estrada entre Fefiñáns e Oubiña, mentres que a Deputación conserva a titularidade da plataforma de circulación.
Carmela Silva tamén informou que hoxe se aprobou a concesión das subvencións destinadas a actividades culturais. Son uns 250.000 euros que irán para unhas 210 entidades repartidas entre uns 46 concellos para a organización de festivais folclóricos ou semanas culturais, entre outras iniciativas. A presidenta provincial destacou que agora hai máis actividade cultural que antes da pandemia.
Tamén se aprobaron as bases das axudas a escolas de música dependentes de entidades sen ánimo de lucro. Destínanse uns 90.000 euros. Carmela Silva afirmou que lle parece "incomprensible" e "insólito" que este gasto non o asuma a Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
Poio, Marín e Cerdedo-Cotobade reciben unha nova inxección de 950.000 euros do Plan Concellos
Por Natalia Puga |
-
"Bailando a Terra" bota a andar este venres na Carballeira de Caldas
Por Redacción |
-
Abre a exposición coas obras dos 'Novos Valores 2022' no Edificio Sarmiento
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
A Deputación porá en marcha novas medidas para impulsar a transparencia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |