O Punto de Encontro Familiar trasladarase á rúa Cruz Vermella o próximo ano
Por Manu Otero
O Punto de Encontro Familiar de Pontevedra inicia os trámites para o seu traslado ás dependencias da Xunta no número 7 da rúa Cruz Vermella.
Así o anunciou este venres a conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha visita ao inmoble acompañada por Mónica Bermúdez, responsable de Meniños, a entidade encargada de mediar nos conflitos familiares dos usuarios deste local.
A Xunta iniciará proximamente o proceso de licitación das obras co obxectivo de culminar os traballos antes de final de ano e completar o traslado ao longo do 2023.
"Tratamos de ofrecer un lugar de apoio e intervencion para nenas e nenos de familias que atravesan situacion de conflictividade elevadas. Trátase de garantizar os seus dereitos a relacionarse con todos os membros das súas familias cando hai situacións difíciles", explica Bermúdez.
En Pontevedra e a súa comarca pasaron por este Punto de Encontro Familiar ao longo do 2021 129 nenos e nenas e atenderon a 97 familias."O noso obxectivo é que a estancia nun punto de encontro non sexa indefinida, senón que sirva para axudar ás familias a superar un bache e logo recuperen a convivencia normal", explican desde Meniños recoñecendo que, desde a apertura do centro fai seis anos, preto dun 40 % de usuarios logran abandonar esta instalación cos seus problemas resoltos.
Pola súa banda, a conselleira Fabiola García destacou que as novas instalacións serán "máis amplas, luminosas e máis cómodas tanto para os profesionais como para as familias".
Neste inmoble de 350 metros cadrados teñen previsto realizar un investimento de 300.000 euros. Pero non é a única actuación que planean desde Política Social, traballan tamén na apertura de novos puntos comarcais como os de Barbanza ou A Mariña, un destes novos puntos estará situado na comarca do Salnés, aínda que aínda non existen prazos.