A feira multisectorial de Campo Lameiro terá 60 casetas de produtos tradicionais e artesáns
Por Redacción
A feira multisectorial de Campo Lameiro, que se celebrará este domingo 10 de xullo, contará cun total de 60 stands de produtos artesanais, obradoiros de queixo, pimentón, arte rupestre, perforadores e lume así como exhibicións de cans de pastoreo.
Durante a xornada terá un papel fundamental a exaltación da augardente para recuperar as vellas tradicións. Haberá potas para facer augardente e se fará unha pequena exhibición de como se destilaba antes por esas terras. Tamén haberá servizo de bar e tamén polbo a feira servido por Pulpería A Fuchela.
Abrirá ás 10 da mañá e estará amenizada durante todo o día pola música da Charanga Os Encerellados. O evento comercial e festivo rematará cun concerto do grupo Galifunk.
A iniciativa para dinamizar económicamente o concello está aberta á participación de empresarios e emprendedores locais para o cal desde o consistorio se remitiron cartas aos establecementos comerciais facilitándolles a posibilidade de participar cun stand nesta primeira feira multisectorial.
Ata o momento están confirmados sectores relacionados coa produción de mel, cervexa artesanal, queixo, especias, productos da horta, gofres, vermú, conservas, zumes, queixos veganos con froitos secos, pan, empanadas, marmeladas, rosquillas artesanas, gominolas artesáns, cárnicas (chourizos, porco celta, carne cachena, galiña de Mos), plantas, frutais, xoiería, zocos, canteiría, bisutería, cosmética natural, xoguetes de madeira, impresión de camisetas, libros, inciensos naturais, amigurumis, flores de ganchillo, simboloxía celta, xabóns, colonias artesanais, madeira torneada, cosmética vegana e natural Juchheim, aceites, cremas, antigüidades, reloxos en vinilo, chaveiros, botellas, xoieiros ou marcos.
Os obradoiros xogarán un papel fundamental, polo que o de queixo ten previsto catro quendas de 25 nenos e nenas cada unha que se realizarán ás 13 horas, 16:30 horas,18:30 horas e 20:30 horas; o obradoiro de taladro será ás 12 do mediodía, mentras que o dos petróglifos será ás 17:30 horas e o do lume ás 19:30 horas.