Pontevedra repartiu este ano todo o compost producido entre os cidadáns
Por Alejandro Espiño
Por primeira vez, Pontevedra esgotou toda a oferta do compost producido nos centros comunitarios repartidos pola cidade. No primeiros seis meses do ano, repartíronse 114.700 litros, segundo os datos do departamento municipal de xestión de residuos.
De todo ese compost, 112.500 litros entregáronse a un total de 231 particulares que solicitaron parte desta produción, mentres que 2.200 litros foron destinadas ao servizo municipal de parques e xardíns, para o abono das hortas urbanas comunitarias.
Nestes momentos, hai 103 peticións pendentes á espera da nova produción. Na medida do posible, serán atendidas nas próximas semanas.
Esta situación dista da que se deu o ano pasado cando o excedente do compost levou ao Concello a colocar grandes sacos nas proximidades dos centros de compostaxe para que os veciños puidesen autoabastecerse.
Para os próximos meses, o goberno municipal estuda instalar novos centros comunitarios en zonas coa presión residencial adecuada, sempre que haxa zonas verdes nas que poder colocalos.
Actualmente, o programa de compostaxe municipal está integrado por máis dun milleiro de persoas, ás que se lles ofrece o compost producido como abono ecolóxico.
Aqueles que queiran anotarse a esta iniciativa poden informarse en compostaxe.pontevedra.gal.
Relacionadas:
-
Pontevedra quere formalizar antes de final de ano o novo contrato do lixo, polo que pagará 225 millóns en 21 anos
Por Alejandro Espiño |
-
Os contedores de lixo do centro histórico serán 'de quita e pon'
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra consolida as cifras de reciclaxe en 2021 á espera da "revolución ambiental" do novo contrato do lixo
Por Redacción |