O empresariado fala da situación actual nuns encontros celebrados en Pontevedra e O Grove
Por Oskar Viéitez
A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, foi a convidada este xoves no XXI Almorzo organizado polo Foro Empresa Pontevedra e, pola súa banda, no Grove, o presidente da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), Antonio Garamendi, participou nun acto organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.
Maica Larriba na súa intervención trasladoulle ao empresariado pontevedrés a "inversión histórica" que supoñen os fondos Next Generation, o instrumento de recuperación europeo ideado para facer fronte a crise provocada pola Covid-19.
A subdelegada insistiu na "oportunidade única que supoñen estes fondos para o noso país e, en particular para a nosa provincia" e destacou que "Galicia xa recibiu ata hoxe 1.665 millóns de euros destes fondos".
Durante a súa intervención, a subdelegada quixo destacar tamén a actual situación económica da provincia que, a pesar de verse lastrada pola Guerra de Ucraína "cuxas consecuencias o Goberno está paliando cunha inversión de 15.000 millóns de euros ata o mes de decembro", conta "cuns niveis de crecemento moi considerables, xa que o Produto Interior Bruto rexistrou un crecemento de 6,3 % interanual durante o primeiro trimestre do ano, a afiliación á Seguridade Social tamén creceu por encima dos 20 millóns de afiliados e o desemprego baixou en xuño en máis do 20 % interanual, sendo a contratación indefinida superior ao 44 % grazas á reforma laboral".
No outro encontro celebrado no Grove, o presidente da CEOE, Antonio Garamendi, alertou da "gran ameaza" que, ao seu xuízo, supón para a economía "a persistente tensión inflacionista que prexudica e empobrece ás familias, así como a empresas e os seus traballadores".
"Para combater a inflación debemos traballar todos xuntos, a través dese pacto de rendas, a través dun pacto de Estado, que exceda a lexislatura, e no que deberían participar todos os grupos políticos, ou polo menos o principal partido da oposición", expuxo o presidente da CEOE
Garamendi tamén se referiu na súa intervención á "desafortunada medida do Goberno do establecemento de novos impostos á banca e ás enerxéticas" porque "non soluciona o problema da inflación, incrementa a inseguridade xurídica e dana a credibilidade de España".
Por último, o presidente da organización empresarial española pediu á Estado "eficiencia en todas as administracións públicas", como a redución de trabas e solapamentos burocráticos, que poderían implicar un aforro de 60.000 millóns de euros.