Abanca ten a proba decisiva para saber se unha muller se apropiou fraudulentamente de 103.000 euros da octoxenaria que coidaba
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra retomará este próximo martes 19 de xullo o xuízo a unha muller, acusada de apropiarse de maneira indebida dunha gran cantidade de diñeiro das contas dunha señora de 86 anos dependente á que coidaba.
A acusada traballaba como empregada do fogar interna en Pontevedra no domicilio da vítima, desde que esta sufrise un accidente de tráfico que limitou a súa autonomía persoal.
A Fiscalía pide para esta muller cinco anos de prisión por apropiarse de maneira fraudulenta de máis de 103.000 euros desta persoa á que coidaba entre setembro de 2016 e decembro de 2019.
O xuízo xa se iniciou o pasado mes de xuño pero suspendeuse. O motivo do aprazamento foi unha proba requirida polo avogado da defensa que reclama a Abanca que mostre quen era o ordenante dos reintegros da conta da vítima xa que, alega este letrado que o irmán da señora, xa falecido, era cotitular da conta e por tanto tamén tiña acceso ao diñeiro. O fiscal tamén asume que esta proba é decisiva.
Segundo sinala o escrito de Fiscalía, a acusada aproveitou as "limitacións" da vítima, así como da relación de dependencia establecida, para gañarse a súa confianza e comezar a xestionar os gastos que se ían producindo habitualmente.
Así, continúa a Fiscalía, "movida polo ánimo de obter un beneficio patrimonial ilícito á conta do alleo", ademais de aproveitar a "inexistencia de control sobre esas contas" por parte da vítima ou dalgún familiar próximo, convencíalle de que se acababa o diñeiro para os gastos e suxeríalle que debía retirar máis efectivo do banco.
Tal como recolle Fiscalía no escrito de acusación, mediante este mecanismo chegouse a apropiar de 103.730 euros, desde que foi contratada en 2016 ata que se produciu o seu despedimento en decembro de 2019.