Rematan os traballos de conservación, mellora e posta en valor do Parque da natureza de Barosa
Por Redacción
O entorno natural, patrimonial e etnográfico de Barosa é un dos espazos máis característicos do concello de Barro, todo un atractivo turístico, polo que o Goberno municipal decidíu executar un proxecto de mellora e conservación do conxunto do parque cunha inversión de arredor de 115.000 euros de fondos propios do concello.
Barosa presentaba algunhas eivas froito dos anos e da presión turística que dificultaban que todas as persoas puideran gozar de todo o entorno natural.
A principal eiva presentábaa no eido da accesibilidade polo que para subsanar este problema acometeuse a mellora da rampa principal de acceso á parte baixa do parque e construíronse outras dúas novas que dan acceso á outra marxe do río.
A elevada afluencia de visitantes nos meses de verán, especialmente nas fins de semana, provocaba unha saturación nos servizos públicos, xa que estes non foran concibidos para un volume de visitantes tan elevado. Para darlle solución a ese problema construíronse novos servizos públicos na parte norte do parque, que serven para alixeirar a presión sobre os vellos ao mesmo tempo que se ofrece unha alternativa nesa parte do parque.
Coa execución deste proxecto puidéronse acometer tamén traballos de poda; mellorar a accesibilidade e acondicionamento das sendas peonís; restaurar as pasarelas e as pontes de madeira; reparar os merendeiros; restaurar os valados de madeira e substituir por unhas novas as partes máis deterioradas e, entre outros, a posta a punto o parque infantil.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, séntese moi satisfeito por como están indo os traballos na recta final da execución do proxecto: "para nós executar este proxecto no que levabamos xa varios anos traballando era unha prioridade, por iso decidimos facer este esforzo económico, co obxectivo de que estivera a punto no momento de maior afluencia de visitantes".