David Regades: "Somos unha das mellores provincias para o socialismo en toda España"
Por Redacción
Este mércores constituíuse o novo Comité Provincial do PSdeG-PSOE nun acto que se celebrou no auditorio do Grove, en recoñecemento ao traballo feito polo alcalde deste concello, José Cacabelos, para a construción desta infraestrutura.
Na súa intervención David Regades, secretario xeral provincial, puxo en valor as medidas que o Goberno de España está a aprobar para apoiar á xente máis humilde nesta situación de crise e animou a toda a militancia a axudar á súa difusión a pé de rúa. "A diferencia de cando goberna o Partido Socialista sobre cando goberna o Partido Popular hai que explicala sen desfalecemento e con orgullo, porque está claro que se esta crise nos colle co PP no Goberno o impacto sobre as persoas máis vulnerables sería moi distinto".
Regades tamén fixo unha análise sobre a situación actual do partido na provincia máis socialista de Galicia. Así recordou que nas Municipais de 2015 os socialistas obtiveron 221 concelleiros, 16 alcaldías, cinco delas con maioría absoluta, e 11 deputados provinciais. Nas Municipais de 2019, a cidadanía outorgou ao Partido Socialista 256 concelleiros, 23 alcaldías (11 con maioría absoluta) e 13 deputados provinciais. Agora, engadiu, toca seguir avanzando, "probablemente non tanto como en 2019, pero avanzando".
O secretario xeral destacou a fortaleza do PSdeG-PSOE nas Eleccións Municipais e fixo unha análise en clave optimista, "pero tamén obxectiva, analizando comarca por comarca e concello por concello". "Somos unha das mellores provincias para o socialismo en toda España", destacou.
O Comité Provincial designou tamén ás persoas integrantes da Comisión de Listas, que é o órgano encargado de validar o proceso de cara a elaboración de candidaturas nas próximas Municipais.