O Concello de Caldas insta a facer un uso responsable da auga
Por Redacción
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, asinou este xoves un bando instando á poboación a facer un uso responsable da auga, "para tratar de evitar que se cheguen a producir indesexados cortes no subministro da auga".
Con motivo da recente onda de calor e a falta de choivas reduciuse o aporte de auga á rede de abastecemento das diferentes captacións, "o que provoca que puntualmente esteamos a consumir máis cantidade de auga da que somos capaces de captar".
Por iso, non se recomenda o lavado de patios, terrazas e vehículos. Tampouco o rego en xardíns, aconsellándose unicamente para o seu mantemento facelo a través de goteo. Non se recomenda o enchido de piscinas. E aconséllase o rego por goteo nas hortas, limitando na medida do posible o rego por inundación. O propio Concello reduciu o consumo de auga por parte dos diferentes servizos municipais.
O alcalde denuncia que se están detectando "consumos nocturnos abusivos de auga, probablemente para rego e piscinas, que chegan a superar os 60 metros cúbicos por hora que é unha cifra altísima, volume que non pode atender a ETAP de Caldas deseñada para un consumo racional da auga e non para estes abusos dalgúns particulares".