Quen quere ser asasino?
Por Redacción
Os alumnos do Instituto Luis Seoane, de Monte Porreiro, recibiron este martes unha lección de realidade ao asistir como público á vista na que se xulgou o dobre crime de Barcia.
Os mozos asistiron absortos ás declaracións dos dous acusados mostrando cos seus xestos e reaccións estar metidos de cheo en todo o que sucedía na sala.
Para premiar o comportamento dos alumnos, ao rematar a sesión, o presidente da sección segunda, José Juan Barreiro Prado, explicoulles o papel de cada un dos protagonistas e invitounos a resolver todas as súas dúbidas dirixindo as súas preguntas ao tribunal, á fiscala ou aos avogados. Para romper o xeo os maxistrados provocaron os mozos preguntándolles, " Que queredes ser? Xuíces, avogados, fiscais ou... os asasinos?".
A lección dos rapaces do Luis Seoane foi do máis completa xa que tamén foron testemuñas da precariedade de medios da Xustiza, ao contemplar asombrados como as catro seccións da Audiencia Provincial teñen que compartir un único aparato para videoconferencia. Isto provoca paralizacións dos xuízos, como aconteceu este martes, onde para colmo o dispositivo se avariou o que obrigou a pospoñer a finalización do xuízo para o día seguinte xa que un dos forenses comparecía por videoconferencia.