Evacúan ao Hospital do Salnés o piloto dun patinete eléctrico tras chocar contra un coche en Ribadumia
Por Redacción
Un home foi evacuado este xoves ao Hospital do Salnés tras sufrir un accidente mentres circulaba nun patinete eléctrico.
O suceso tivo lugar na estrada EP-9501, na rotonda que dá acceso ás piscinas municipais de Ribadumia.
Segundo informa o Servizo de Emerxencias de Cambados, que participou no dispositivo despregado, o condutor do patinete impactou contra un coche.
O ferido, un home de 62 anos veciño de Pontecesures, contaba segundo Emerxencias con mazaduras por todo o corpo e foi trasladado ao hospital por unha ambulancia do 061.
En canto á condutora do coche, non necesitou asistencia sanitaria.
No dispositivo de emerxencia participaron ademais unha patrulla da Garda Civil de Tráfico e Protección Civil de Ribadumia.