A Deputación lanza o programa "DepoInnova" de compra pública de innovación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Deputación de Pontevedra presentou o programa "DepoInnova" de compra pública de innovación.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do vicepresidente César Mosquera, presidiu este venres o acto de lanzamento deste programa que inclúe proxectos innovadores nos ámbitos sociais e da economía verde e dixital.
"DepoInnova" ten como obxectivo explorar as capacidades da colaboración público-privada para resolver os problemas complexos aos que se enfronta o conxunto da provincia. Para iso, a Deputación de Pontevedra busca solucións innovadoras para seis retos de actualidade: a dixitalización do ciclo urbano da auga, a xestión de residuos e economía circular, a xestión integral de infraestruturas provinciais, a dixitalización da Administración pública provincial, os programas sociais e de emprego e o Museo de Pontevedra do século XXI.
Segundo indicou Carmela Silva espérase poder cofinanciar o "DepoInnova" con fondos europeos a través do Ministerio de Ciencia e Innovación e do PERTE de dixitalización do ciclo da auga do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
A Deputación considera que "estes retos son só a punta de lanza dun programa de longo percorrido e alto impacto que transformará a realidade da provincia de Pontevedra".
Para a execución do proxecto empregarase maioritariamente o instrumento de compra pública de innovación (CPI), para promover así a innovación como a ferramenta clave de desenvolvemento da provincia e para a procura de solucións innovadoras aos retos aos que se enfronta.
Como próximo paso no proceso do programa "DepoInnova", desde a Deputación convócase un proceso de consulta preliminar ao mercado, co obxecto de coñecer o nivel de madurez e a estado da arte das potenciais solucións innovadoras que poderían incorporarse para resolver os retos que se presentan.
O prazo de presentación de propostas estatará aberto ata o próximo 19 de setembro.
Relacionadas:
-
O proxecto Depoinnova recibe 69 propostas para o ámbito social e a economía verde
Por Redacción |
-
A Deputación lanza un programa para fomentar a innovación como ferramenta clave de desenvolvemento da provincia
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación impulsa un plan para mellorar as paradas de bus e fomentar o transporte público
Por Oskar Viéitez |
-
O Goberno da Deputación celebra os 2.555 días nos que buscou "facer de Pontevedra a provincia que queres"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |