Instalan paneis para informar das consecuencias da creación dun encoro no río Oitavén
Por Redacción
Integrantes da Plataforma en defensa dos Ríos Verdugo e Oitavén Encoro Non realizan unha campaña durante estas xornadas de verán de instalación de paneis informativos en distintos puntos dos catro municipios afectados polo estudo que encargou a Confederación Hidrográfica Miño-Sil para construír encoros en Forzáns ou na Fraga, ademais de transvasar a auga procedente dos ríos Verdugo e Oitavén.
Con esta acción, desde a plataforma quérese sensibilizar á cidadanía local e tamén aos visitantes sobre o impacto negativo que a instalación tería sobre a biodiversidade e no patrimonio natural deste espazo. Queren, sobre todo, difundir que se trata dun "auténtico paraíso" e non dun páramo como trasladaron á opinión pública os promotores do proxecto, segundo indican desde o colectivo.
O persoal voluntario instalou paneis nas praias fluviais de Gaxate, A Lama, Vilán e Ponte Caldelas; ademais en espazos naturais próximos aos ríos en Portasouto (Laxoso), Forzáns e na contorna da ponte Colgante en Soutomaior. Da mesma forma, tamén se posicionaron en núcleos de poboación.
Estes paneis foron elaborados con material biodegradable, segundo a plataforma, para non prexudicar ao medio natual e integrarse na paisaxe. Ofrecen a través de láminas gráficas as consecuencias negativas das opcións que presenta o estudo realizado pola Confederación e, ademais, faise unha chamada ao uso responsable da auga.
Tamén ofrecen información sobre especies endémicas da zona que se atopan en vías de extinción e que corren o perigo de desaparecer en caso de prosperar estes proxectos para a zona.
O colectivo insiste na necesidade de corrixir as fugas que presenta a rede de abastecemento e o sistema de depuración, ademais de fomentar o uso razoable da auga para evitar os problemas de subministración que se rexistran principalmente nas grandes urbes.
Relacionadas:
-
Os parques eólicos mariños ou a conservación de especies, a debate en Pontevedra
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas promove unha recollida de firmas contra os plans para intervir no Verdugo e Oitavén
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas expón ao público o documento oficial do transvasamento e do encoro de Forzáns
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas alza a súa voz en defensa dos seus ríos: "Nin trasvase, nin encoro"
Por Redacción |
-
Colectivos ecoloxistas súmanse ao rexeitamento á creación dun encoro no río Oitavén e o transvasamento no Verdugo
Por Redacción |