Marín incrementa máis dun 9% o seu orzamento e mantén conxelados impostos e taxas
Por Redacción
O concelleiro de Facenda e tenente alcalde, Manuel Santos, presentou en Comisión Informativa o proxecto de orzamento para o 2022, despois de que se cerrase a negociación relativa ao capítulo de Persoal. Un orzamento que este ano ascenderá a 14.895.099,40 euros, un 9,17% máis con respecto ao ano anterior.
Este incremento, segundo explicou Santos, é debido ao aumento na recadación impositiva e pola maior participación que reciben dos tributos do Estado e da Xunta de Galicia, sendo esta parte o 51% do orzamento.
"Facemos esta proposta despois de estudar e analizar todas as necesidades e demandas da nosa veciñanza nun momento coma este, no que a situación económica non é fácil para as familias", explicou o edil.
Pola súa banda, en canto ás partidas de gasto, ascende ao 40,8% a do Persoal, sendo de máis de 6.000 euros. Un 55% é do gasto corrente, onde están as brigadas de limpeza, traballos de mantemento, organización e promoción de actividades culturais e deportivas, na prestación de máis e mellores servizos sociais e coidados e melloras en xeral.
Lembra Santos, finalmente, que este incremento farase "mantendo a conxelación de impostos e taxas que aplicamos desde hai máis de 11 anos" e incide en que teñen fondos públicos dos que dispoñer e "continuar na senda de execución de proxectos esenciais para a nosa vila, ben financiados polos fondos municipais ou coa cofinanciación doutras entidades: a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra ou a Unión Europea, a través dos Fondos Dusi".