A revisión de prezos do servizo de limpeza e recollida do lixo non afectará o recibo
Por Oskar Viéitez
A portavoz municipal, Anabel Gulías, informou que este luns a Xunta de Goberno Local aprobou outra revisión de prezos, neste caso solicitada pola empresa PreZero, concesionaria dos servizos de limpeza viaria, recollida de lixos, desratización e limpezas dos colexios.
Esta revisión de prezos da concesionaria municipal está prevista na lei de Contratos do Sector Público. Neste caso PreZero solicitou unha subida global para o ano 2021 do 6,5 % do prezo do contrato.
Con esta actualización o prezo para este ano 2022 é de 6.280.021 euros, é dicir, un encarecemento de 327.827 euros.
Anabel Gulías recalcou que esta subida "non afecta en absoluto" ao recibo que se cobra á cidadanía e ás empresas.
Nos últimos meses foron varias as empresas concesionarias ou adxudicatarias de obras promovidas polo Concello as que solicitaron a revisión de prezos tras o incremento dos custos dos materiais, a crise enerxética e a subida da inflación. Un Real Decreto do Goberno central e unha disposición lexislativa da Xunta permiten levar a cabo estas actualizacións.