E despois dos fogos artificiais chegou a choiva
Por Oskar Viéitez
Este luns houbo fogos artificiais, de novo lanzados a medianoite desde o tramo de beiramar comprendido entre as pontes do Burgo e Santiago.
Numeroso público viu o espectáculo pirotécnico desde as rúas e prazas do centro histórico porque o inicio solapouse co remate do concerto de Coque Malla, aínda que tamén os houbo precavidos porque a choiva xa amagara un par de veces con aguala festa.
Efectivamente, ecoaba na cidade o estrondo da traca final cando caeu unha forte choiva.
A cuarta xornada das Festas da Peregrina preséntase como un exemplo de mestizaxe entre a tradición da propia Boa Vila e a convivencia con novos espectáculos, voces e melodías que chegan doutros recunchos do mundo.
Desde primeira hora, a actuación do grupo Duos Pontes encherá de son as rúas e prazas da cidade, ao tempo que no barrio do Gorgullón e na avenida de Vigo os Gaiteiros das Rías Baixas levarán o ambiente festivo alén da zona monumental, afondando na idea da descentralización das festas e lembrando que toda a cidade está de celebración.
Nese sentido, a charanga Mil9 percorrerá a zona do Estadio da Xuventude, San Antoniño e Barcelos —a partir das 12 horas— para logo facelo, ás 18.30 horas, polo centro. Do mesmo xeito, a charanga OT actuará primeiro polo corazón da cidade —sobre as 12 horas— para despois, ás 19 horas, encher de música Campolongo e Rosalía de Castro.
A praza da Curtidoira segue a ser o epicentro da programación infantil máis relevante. Este martes será a quenda de Baobab Teatro, co show Puño Puñete.
Doutra banda, e entrando de cheo no eido máis tradicional e popular, ás 20 horas está programa unha misa solemne na Basílica de Santa María e a procesión de San Roque, xunto coa queima das Madamitas.
Coa proximidade da noite, a praza da Ferraría acollerá ás 21 horas o concerto de Coro Encaixe. Encaixe é outro concepto de coro, unha proposta musical diferente, novidosa e divertida. Un grupo formado por 18 cantantes profesionais procedentes de ámbitos tan distintos como as formacións De Vacas ou o Coro da Ra, grupos de teatro como Talía ou A feroz, a música tradicional ou até a televisión. Toda esta variedade estilística fai que o repertorio do coro chegue a lugares insólitos, sorprendendo con cancións recoñecíbeis por todo tipo de público e cunha forte aposta pola música galega contemporánea.
Hora e media despois, ás 22.30, na praza de España, chegará un dos intres máis agardados do programa oficial da man da actuación de Fernando Costa, un dos protagonistas da nova xeración do hip-hop español xurdida á calor das redes sociais e Youtube. Avalado polo dúo granadino Ayax e Prok —xunto ao que compartiu xira e que pertence ao seu grupo de colegas—, Fernando Costa dá un impulso ao xénero cun estilo 'old school' que non despreza incursións ao urbano. Letras traballadas sobre temas cotiáns e a pé de rúa son a base dunhas rimas fluídas e elegantes que están a levar a Fernando ao olimpo do hip-hop estatal.
Relacionadas:
-
San Roque recupera a súa procesión
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Coque Malla consegue facer esquecelo todo
Por Oskar Viéitez |
-
Redúcese o número de peñas xuvenís pero aumentan os botellóns de adultos
Por Oskar Viéitez |
-
Zahara atrapa ao público pontevedrés
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Música tradicional a través das voces con máis coñecemento
Por Cristina Saiz & Redacción |