Excelencia en calidade turística para o Museo de Pontevedra
Por Redacción
O Instituto para a Calidade Turística Española (ICE) e a Asociación Española de Normalización (UNE) acaban de conceder ao Museo de Pontevedra a marca 'Q' de calidade turística.
Agora que lograron este esixente distintivo, o próximo reto que se marca o Museo de Pontevedra é acadar a certificación en sustentabilidade turística, que tamén promove o citado Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).
Trátase dun selo moi esixente do que só dispoñen, entre os grandes museos españois, o Guggenheim de Bilbao, o Museo Thyssen-Bornemisza, en Madrid, e o MARQ de Alacante. En Galicia os dous centros que o teñen están adscritos á Deputación de Pontevedra, o Castelo de Soutomaior e, agora, o Museo de Pontevedra.
O Comité de Certificación do Instituto para a Calidade Turística Española confirmou a certificación para o Museo na súa reunión do 28 de xullo despois dun proceso de avaliación no que obtivo unha cualificación sobresaínte. Obtivo unha puntuación media de 9,4 sobre 10 que avala o cumprimento rigoroso da xestión da calidade na prestación de diferentes servizos á cidadanía, incluíndo aspectos tan importantes como a accesibilidade, a atención ao visitante, a sinaléctica, a comunicación e información ás persoas usuarias ou a xestión de visitas e actividades educativas e culturais. Neste último apartado obtivo unha puntuación de 10.
A obtención do distintivo forma parte das accións contempladas no Plan Xeral de Actuación 2019-2023 do Museo, e reforza a súa aposta decidida pola calidade e a excelencia en tódolos ámbitos da súa xestión operativa diaria, por ofrecer a cada visita a mellor experiencia cultural e turística posible, e por converterse nun referente a nivel nacional e internacional no ámbito do turismo cultural.