Unha Axenda Xigante recollerá as achegas da rapazada sobre como mellorar o futuro da cidade
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción da Cidade Anabel Gulías, visitaron este luns a ludoteca Conciliaverán ubicada no colexio Campolongo que estes días acolle dúas sesións da Axenda Urbana Pontevedra nas que participan preto de 40 nenos.
O programa, que botou a andar o pasado venres 12 no CEIP Xunqueira1 con rapazada de educación secundaria, terá continuidade con sesións para infantil e primaria o luns 21 no CEIP Manuel Vidal Portela de 10:30 a 11:30 e de 12 a 13h, no CEIP Cabanas de Salcedo o martes 23 de 10:30 a 11:30h. e no CEIP Parada de Campañó de 10:30 a 11:30h.o mércores 24.
A partir dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 e en concreto do seu punto 11 - centrado en como mellorar o futuro de pobos e cidades - naceu a Axenda Urbana 2030.
Aínda que a cidade de Pontevedra leva moito traballo adiantado neste aspecto grazas ao seu 'Modelo de Cidade' recoñecido a nivel mundial e a proxectos como o Efecto PO2, a Concellería de Promoción da Cidade está a levar a cabo diferentes accións destinadas a coñecer a opinión e as achegas da cidadanía e especialmente dos/as habitantes máis novos.
"Que podemos facer para mellorar as nosas cidades? Que queda pendente por facer? Hai alguna cousa que sería necesario modificar?" son algunhas das cuestións que o monitorado encargado das sesións plantexa aos máis pequenos para dar pé ás súas experiencias na cidade e achegas para mellorala de cara ao futuro.
Desprazarse camiñando ou en bici, comprar no comercio local, reciclar, compostar, facer un uso responsable da luz e a auga, levar a cabo unha convivencia respectuosa, preocuparse por coñecer a nosa cidade e por que sexa un espazo seguro e trasladar as súas opinións e achegas aos gobernantes a través das canles dispoñibles, son as cuestións sobre as que xira a charla que remata coa cativada plasmando as súas ideas para que sexan incorporadas á Axenda Xigante colectiva.
Á marxe destas sesións, a pasada semana nas prazas de Barcelos e o barrio de Campolongo e ao longo de dúas xornadas, tiveron lugar eventos participativos en relación coa Axenda Urbana de Pontevedra, co obxectivo de achegar o seu contido aos nenos e recoller os seus desexos para a cidade, así como axudalos a entender a importancia da contorna na que viven. A súa implicación foi premiada con diferentes agasallos promocionais coma gorras ou mochilas.
Relacionadas:
-
No pleno de setembro aprobarase a axenda que fixará os proxectos de futuro do Concello
Por Oskar Viéitez |
-
Ideas urbanas pontevedresas toman camiño de Montpellier
Por Redacción |
-
O 'destape' do Gafos eleva a 7,27 millóns os fondos europeos Next Generation concedidos a Pontevedra
Por Alejandro Espiño |