Ideas urbanas pontevedresas toman camiño de Montpellier
Por Redacción
Unha delegación procedente da cidade francesa de Montpellier visitaba este venres 26 a cidade de Pontevedra coa intención de coñecer o modelo urbano que se aplica na capital do Lérez.
A visita é consecuencia da recomendación efectuada polo pensador e psicopedagogo italiano Francesco Tonucci, admirador das fórmulas establecidas en Pontevedra, aos responsables políticos da urbe do sur de Francia.
Dez representantes, entre persoal técnico e integrantes do goberno da capital do departamento de Hérault, realizaban un paseo polas rúas da cidade e despois asistían a unha exposición técnica, impartida polo director xeral de Emerxencias, Daniel Macenlle, sobre o modelo urbano e os cambios efectuados na vila galega ao longo das dúas últimas décadas.
A comitiva comprobou realizando un percorrido polo centro urbano a eficacia da peonalización no centro histórico e nas rúas próximas. Fanny Dombre, primeira tenente de alcalde, destacou a beleza da cidade e a "tranquilidade coa que a xente pasea polas rúas". Sinalou que en Francia "o espazo público foi invadido polos coches e non se atopan nenos xogando" na vía pública.
Neste sentido sinalou que "o alcalde de Montpellier tomará como referencia a Pontevedra" coa idea de facer unha aposta ecolóxica e sa para a metrópole francesa.
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, que acompañou á comitiva, manifestou que sempre "é unha honra" recibir a representantes doutros municipios que buscan ideas para mellorar a calidade de vida dos seus residentes e mostrouse encantado de que Pontevedra poida ser un exemplo para o modelo que se quere establecer en Montpellier.
Relacionadas:
-
Unha Axenda Xigante recollerá as achegas da rapazada sobre como mellorar o futuro da cidade
Por Redacción |
-
Pontevedra vende o seu modelo de cidade para o deporte no Congreso Urban Sport 4All en Lisboa
Por Redacción |
-
Estrasburgo e Pontevedra estreitan lazos cunha visión compartida sobre o futuro das cidades
Por Alejandro Espiño |
-
Tonucci asegura que unha cidade está enferma se desaparecen os nenos das rúas
Por Redacción |
-
As cidades integradas na rede Tonucci ven irreversible a recuperación do espazo público
Por Redacción |
-
Pontevedra, premiada pola mobilidade amable na cidade chinesa de Shenzhen
Por Redacción |
-
Un premio en Shenzhen e unha conferencia en Pekín, novos fitos de Pontevedra na China
Por Alejandro Espiño |