A mudanza de Zara Home á rúa Benito Corbal xa está en marcha
Por Redacción
O traslado da marca de Inditex Zara Home á rúa Benito Corbal está cada vez máis preto. As obras no antigo local que ocupaba Stradivarius, outra das marcas da multinacional galega, están en marcha desde hai semanas.
Aínda que a data de apertura da tenda aínda non está determinada, como xa avanzara PontevedraViva no mes de xuño os prazos que manexa a empresa é inaugurar o novo establecemento a finais deste verán.
Con esta mudanza, Zara Home abandonará o baixo que ocupaba desde 2007 na rúa Frei Xoán de Navarrete 5, o que no seu día foi a entrada e o vestíbulo do histórico Cinema Gónviz na contorna da pontevedresa Praza de Compostela.
Así mesmo, Inditex ampliará aínda máis a súa presenza na milla de ouro da Boa Vila, na que contará con oito establecementos comerciais das marcas: Zara, Oysho, Pull & Bear, Stradivarius, Massimo Dutti, Bershka e a próxima Zara Home.
O novo fogar de Zara Home ofrecerá aos clientes un maior espazo expositivo que o actual, xa que a tenda conta con superficie repartida en dúas plantas, unha con acceso pola rúa Benito Corbal e outra pola Praza de Barcelos.
O cambio, en principio, non terá efectos sobre o seu persoal de traballadoras, que serán trasladadas á nova tenda, que está a apenas 300 metros da actual.
Relacionadas:
-
Inditex pecha as súas tendas Bershka de Pontevedra e Vilagarcía e recoloca o persoal en Vigo
Por Natalia Puga & Manu Otero |
-
Zara Home abre a súa nova tenda en Benito Corbal
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Zara Home mudarase a Benito Corbal a finais do verán
Por Alejandro Espiño & Natalia Puga |