Unha colisión entre dous turismos en Caldas de Reis causou retencións na circulación da AP-9
Por Redacción
Por fortuna, ningunha persoa tivo que ser trasladada como consecuencia dunha colisión entre dous turismos na AP-9, á altura do punto quilométrico 104, ao seu paso polo concello de Caldas de Reis.
Aínda así, debido a que as numerosas chamadas recibidas no 112 Galicia describían unha situación máis complexa, os servizos sanitarios de urxencia trasladaron ao lugar o helicóptero medicalizado con base en Santiago, por se fose necesario evacuar a algún dos implicados.
Finalmente, comprobouse que os ocupantes de ambos turismos, seis persoas en total, resultaron feridos leves e foron atendidos in situ polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Segundo a información recollida no 112, mentres duraron as tarefas de restablecemento da seguridade no lugar, a circulación na vía viuse comprometida. De feito, nada máis ter constancia do suceso, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pasaron aviso aos Bombeiros do Salnés, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e ao servizo de mantemento da estrada.
Cómpre sinalar que o operativo foi activado pouco despois das 13:00 horas de hoxe, tras recibir no 112 Galicia a chamada de varias testemuñas do accidente, que advertían dunha colisión entre dous turismos nas proximidades da parroquia de Carracedo.