Prepárense para tirar do rabo do Demo este martes polo centro histórico
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O público infantil volverá divertirse este martes 23 coa aparición do personaxe do Demo nos arcos de San Bartolomeu acompañado da súa tropa infernal. Un ano máis, desde a recuperación desta celebración en 2001, o centro histórico da cidade cheirará a xofre.
Ás 12.30 horas está prevista a primeira sesión con saída da contorna da igrexa e percorrido por diferentes rúas con animación e xogos entre os participantes, que deberán tentar tirarlle do rabo ao diaño. A partir das 20.00 horas producirase unha segunda aparición desta comitiva.
A Festa do Demo, ademais, contará con outras dúas actividades como xa é tradición. Ás 21.00 horas, a praza de José Martí acolle o concerto de San Bartolomeu a cargo da Banda de Música de Salcedo. Media hora máis tarde, a banda tradicional Os Chichisos ofrecerá a Foliada do Demo na praza de Curros Enríquez. Todos os eventos son gratuítos.
Cando se recuperou a Festa do Demo, segundo indica o Concello de Pontevedra, realizouse un rastrexo a través do libro 'Pontevedra, boa vila', que ofrece un texto de Vicente Risco e dúas ilustracións de Agostiño Portela sobre esta celebración. Tamén se recolleron fontes orais a través da veciñanza que lembraba á figura de Dominguiños, encargado de exercer de Demo en épocas remotas neste festexo popular.