Temperaturas de máis de 30 graos ata o venres 26 nas Rías Baixas e sen previsión de chuvias
Por Redacción
A semana iníciase este luns 22 de agosto coa influencia débil das altas presións. As Rías Baixas presentarán nubes de tipo alto con temperaturas que se situarán entre os 18 e os 32 graos. Os ventos soprarán de compoñente norte, frouxos en xeral, moderados a partir do mediodía en todo o litoral atlántico, segundo indica o servizo de Meteogalicia.
Ao longo do martes apenas se rexistrarán cambios. Continúa a influencia débil do anticiclón dos Azores e as frontes seguirán circulando ao norte da península Ibérica. A xornada amancerá con ceos despexados ou con nubes altas. As temperaturas ascenderán nas Rías Baixas de forma lixeira, puntualmente moderado no caso das máximas que chegarán aos 33 graos en Pontevedra mentres que as mínimas situaranse en 18. Os ventos soprarán do norte, frouxos en xeral, na provincia.
Galicia quedará en terra de ninguén durante o mércores, con centros de acción afastados da comunidade e cun incremento de inestabilidade debido ao avance dunha valgada polo Atlántico. Presentaranse brumas no litoral, máis densas e compactas durante a mañá e ao final da tarde. Tamén están previstos bancos de néboa matinal no interior que darán paso a ceos con alternancia de nubes e claros.
Na zona sur de Galicia espéranse menos nubes. As nubes baixas da costa entrarán ata o interior das provincias da Coruña e de Pontevedra ao longo da noite. As temperaturas moveranse entre os 20 e os 30 graos nas Rías Baixas. Os ventos soprarán de dirección variable, predominando o compoñente norte, frouxos en xeral.
Ao longo do xoves manterase esa situación de inestabilidade atmosférica con ceos que alternarán entre nubes e claros pero sen que se rexistren choivas na zona das Rías Baixas. As temperaturas oscilarán entre os 20 e os 32 graos con ventos que soprarán do nordeste con intensidade moderada.
A partir do venres, unha valgada quedará estacionada ao oeste da península. Espéranse brumas na costa pero non persistentes e as néboas matinais e tormentas illadas rexistraranse no interior de Galicia. As temperaturas irán en progresivo descenso ao longo da fin de semana, pasando dos 30 do venres 26 de agosto aos 26 que se esperan o luns da próxima semana.