Poio rastrexa a súa rede de abastecemento para atallar posibles fugas de auga
Por Redacción
A Concellería de Obras e Servizos Municipais do Concello de Poio está a realizar inspeccións periódicas na rede de abastecemento de auga, a fin de que o servizo funcione a pleno rendemento nestes tempos nos que a falta de precipitacións levou a moitos concellos a ter que tomar medidas para garantir un consumo responsable. Unha das tarefas que se está a realizar é a revisión para detectar e reparar, no caso de que sexa necesario, posibles fugas.
O edil responsable deste departamento, Julio Casás, lembra que Poio é a día de hoxe un dos concellos da bisbarra de Pontevedra que presenta unha maior porcentaxe de rendemento do servizo. “Segundo os datos que constan nos informes que realiza Viaqua, esta porcentaxe está moi próxima ao 80%”, indica o concelleiro do Goberno local, que cifra en aproximadamente un 20% o nivel de perdas. Isto supón aproximadamente a metade da media estimada pola Xunta de Galicia a nivel autonómico (40%) e “tamén é unha porcentaxe moi inferior á que presentan outros concellos da contorna, que están por riba do 35%”.
En todo caso, a aspiración do Concello é a continuar reducindo ao máximo estas cifras, algo que cobra especial relevancia neste verán marcado pola seca. Julio Casás, acompañado polo responsable de Urbanismo, o tamén socialista Gregorio Agís, veu de levar a cabo este venres unha revisión aos depósitos de subministro de auga existentes no concello. Neste sentido, o responsable de Servizos Municipais constatou que os depósitos, ademais de atoparse nun estado óptimo, contan con capacidade suficiente para garantir o abastecemento. No caso da infraestrutura situada en Pomar, que presta servizo a parroquia de Samieira e zonas de Raxó, “hai unhas semanas realizamos un ‘bypass’ coa rede en Monte Covelo, para garantir ese subministro e, desde entón, non houbo problemas”.
Julio Casás si que percibe un descenso no depósito do Sartal. “Estanse a realizar revisións constantes, pero tamén é importante que a veciñanza manteña o seu compromiso á hora de facer uso dun consumo responsable”, apunta o concelleiro do PSdeG-PSOE.
Neste sentido, o edil de Servizos Municipais lembra que seguen en vigor as medidas decretadas a través dun bando municipal a finais de xullo e que contemplan, entre outras, medidas, a restrición do uso de auga para baldeos en espazos públicos e privados, recheo de piscinas ou lavados de coches. Tamén se cortaron as duchas e lavapés das praias e reducen os regos en xardíns. No caso do Concello, en lugares como rotondas realízanse “regos moi puntuais, de corta duración, para garantir o mantemento das especies arbóreas”, aclara Casás, que asegura que a Administración local ten constancia de que a veciñanza “está dando un exemplo de concienciación á hora de dar cumprimento a estas directrices”.
Relacionadas:
-
RADIO.- O debate sobre a xestión da auga "non pode ser conxuntural" e "hai que sacalo das modas e das axendas electorais"
Por Marisa Ciordia |
-
Temperaturas de 30 graos nas Rías Baixas durante a última fin de semana de agosto
Por Redacción |
-
As últimas chuvias, un "espellismo" que obriga a seguir contendo o consumo de auga
Por Alejandro Espiño |
-
Temperaturas de máis de 30 graos ata o venres 26 nas Rías Baixas e sen previsión de chuvias
Por Redacción |
-
A alerta por seca mantense a pesar da choiva, que non volverá caer en quince días
Por Manu Otero |
-
O caudal do Lérez mantense estable garantindo o abastecemento
Por Oskar Viéitez |