Comeza a retirada das atraccións na contorna da Alameda
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/828/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/63047a3389-20220822-saiz-alameda-fiestas-peregrinas-dia-nino-5-.jpg)
© Cristina Saiz
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/10d/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/63047aacb1-20220822-saiz-alameda-fiestas-peregrinas-dia-nino-4-.jpg)
© Cristina Saiz
Este martes comeza a retirada das atraccións feirais e das estruturas situadas na contorna da Alameda de Pontevedra, despois da finalización das Festas da Peregrina coa xornada infantil na que se rexistrou unha importante asistencia de público aproveitando os descontos establecidos.
Nesta xornada celébrase outra actividade tradicional da programación de verán, a Festa do Demo. Ás 12.30 horas sairá a comitiva do diaño dos arcos de San Bartolomeu para percorrer as rúas e prazas do centro histórico animando aos escolares a que tiren do rabo do ser maligno.
Ás 20.00 horas desenvolverase unha segunda sesión con saída do mesmo punto. Ás 21.00 horas, a Banda de Música de Salcedo ofrecerá o concerto de San Bartolomeu na praza de José Martí, con entrada libre.
Ás 21.30 horas, a música popular dos Chichisos animará a praza de Curros Enríquez ofrecendo a denominada Foliada do Demo, un evento tamén gratuíto.
Tras esta xornada, a festa non retornará ás rúas pontevedresas ata o venres 2 e o sábado 3 de setembro co retorno da Feira Franca, tras o parón provocado pola pandemia.