Chupinazo para iniciar as festas patronais de Sanxenxo
Por Redacción
O balcón do Concello foi o escenario do inicio das festas patronais de Sanxenxo este mércores co lanzamento do chupinazo a cargo do alcalde Telmo Martín. Un acto que abre un calendario de actividades ata o luns 5 de setembro.
O arranque da festa desenvolvíase cunha actuación musical do grupo da vila Geración Perdida e a presenza de familias na Praza de Pascual Veiga. Neste mesmo mércores, Phisio Delia animará as rúas a partir das 20.00 horas e xa durante a noite, a Praza dos Barcos acollerá o concerto de Benditos Malditos e Carlos García Boente cantando temas de Joaquín Sabina.
Este xoves 25 é unha das datas máis esperadas coa celebración da festividade de San Xenxo e do Día do Turismo, xornada na que a sardiñada popular convértese nun dos actos centrais do verán en Sanxenxo con máis de 3.000 racións gratuítas acompañadas de viño, pan e auga. Será a partir das 12.00 horas na Praza dos Barcos. Unha hora antes abriranse os postos da feira de produtos artesáns e a mañá estará animada por alboradas e pasacalles.
Ás 13.00 horas, a Praza de Pascual Veiga acollerá un concerto da Banda de Música de Sanxenxo. As actividades relixiosas iniciaranse ás 19.00 horas coa misa e procesión en honra ao santo que dá nome á vila. Pola noite, as orquestras Claxxon e Marbella ofrecerán unha sesión musical na Praza do Mar.