Máis de 130 escolares aprenderon a realizar creacións con material reciclado nos Talleres na Rúa
Por Redacción
Esta semana desenvolveuse a última sesión dos Talleres na Rúa, a iniciativa que promove a concellería de Mocidade, que dirixe Rosa Fernández.
Nesta última sesión, a actividade practicábase na praia de Xiorto, na parroquia de Raxó, coa participación dun total de 40 escolares, logrando o récord de participación da edición deste verán, que contou con máis de 130 menores de 12 anos de idade nesta proposta que combina a creatividade e o medio ambiente.
Ao longo do verán levaron a cabo os talleres noutros puntos como a Praza da Chousa de Combarro, a Praza da Granxa de Campelo, Vilariño, Praza Alfredo Romay de Samieira e a praia de Lourido.
En todos eles, os participantes infantís en ocasións acompañados por familiares realizaron creacións utilizando material de segundo ou máis usos.
A actividade é gratuíta e busca ofertar unha proposta de lecer de interese durante o período vacacional tanto para residentes como para visitantes ocasionais.
Nas sesións, realizadas en prazas e praias, ponse en valor o medio ambiente e incídese en cuestións como a reciclaxe e o fomento da creatividade empregando paus de madeira, tapóns, botóns, papel ou cápsulas de café, materiais utilizados aos que se lles ofrece un novo uso.