A reforma integral de Michelena 30 continuará polo seu primeiro andar
Por Alejandro Espiño
Tras a renovación da súa planta baixa, que centraliza toda a atención ao público, da súa segunda planta e da súa fachada principal, a reforma integral do edificio administrativo do Concello en Michelena 30 continuará nos próximos meses coa adecuación do seu primeiro piso.
Para esta nova fase de actuación, o goberno municipal destinará algo máis de 376.000 euros.
Na primeira planta de Michelena 30, actualmente, están situadas as dependencias dos servizos de contratación, secretaría, persoal e riscos laborais.
A súa reforma, que esteticamente será similar á realizada no resto do inmoble, está pensada para crear estancias de traballo cómodas para os traballadores municipais e para os cidadáns que acoden en busca de atención.
Ademais, reservarase espazo para salas de reunións, segundo avanzou a portavoz do executivo municipal, Anabel Gulías.
Estas obras, que acaban de saír a licitación, teñen un prazo de execución de seis meses.
Dentro do seu obxectivo para a modernización da administración, o Concello, no que vai de mandato, comprometeu un investimento de 6,7 millóns de euros para mellora de todos os equipamentos municipais, dos cales 4 millóns están executados ou en obras.
A este respecto, ademais de Michelena 30, actuouse na nova sede de Ferreiros, no parque de Bombeiros, na sede da Policía Local, nas oficinas de cemiterios, no edificio municipal de Santa Clara, no Teatro Principal ou na antiga casa do concello.
Os próximos proxectos, financiados con fondos europeos, serán o antigo conservatorio, o edificio municipal de Churruchaos ou o Pazo da Cultura, entre outros.
Relacionadas:
-
Os recuperados azulexos florais do século XIX xa rutilan no edificio administrativo do Concello
Por Redacción |
-
A sede municipal de Michelena fai augas e o Concello terá que poñer máis diñeiro
Por Oskar Viéitez |
-
Descobren azulexos modernistas do século XIX na fachada de Michelena 30
Por Alejandro Espiño |