Descobren azulexos modernistas do século XIX na fachada de Michelena 30
Por Alejandro Espiño
As obras de emerxencia que se están a realizar na fachada de Michelena 30, a sede administrativa do Concello de Pontevedra, revelaron a existencia dunha serie de azulexos con motivos florais que, segundo os expertos, son orixinarios do século XIX.
Estes traballos de revisión completa da fachada están a facerse despois de que se desprenderan varios dos ladrillos que forman a estrutura, o que obrigou a actuar sobre ela para comprobar o seu estado e evitar a caída de novos elementos.
Os azulexos, segundo explicou o xefe da oficina técnica de arquitectura e planeamento Ángel Velando, estaban agochados por varias capas de sucidade. Están en bo estado e deixaranse á vista porque teñen uns motivos florais de interese e de estilo modernista.
A segunda cuestión de interese que xurdiu durante estes traballos foi comprobar a existencia de varios salientes, en forma de galerías, que son engadidos ao edificio orixinal e que están filtrando auga, o que afectaba de xeito directo ao mantemento do edificio.
Velando adiantou que a idea é eliminar e suprimir estes engadidos durante as obras actuais. Para iso, haberá que mandar unha notificación á Xunta de Galicia, que é a propietaria do inmoble, explicando polo miúdo a actuación que se vai a realizar.
"A zona das galerías está metendo bastante auga", indidou o responsable municipal. Buscáronse imaxes históricas do edificio, do 1915 e do 1925, "e vemos como non había galería na primeira e si na segunda, pero non era a de agora, deixando sen valor algún a actual".
Independentemente de que algún día se poida reconstruír esa galería orixinal de 1925, "o que está claro é que o marco destas obras de emerxencia é que deixe de entrar auga e asegurar a estabilidade da fachada", engadiu Ángel Velando.
De aí que reitere que a solución máis doada, a día de hoxe, é retirar esta galería contemporánea "e logo pensar con máis tempo decidir que facer".
O técnico do Concello tamén sinalou que existen corrosións en ferros de balcóns e, en xeral, as actuacións que se están a realizar neste mesmo instante permitirán asegurar a fachada do edificio e impedirán novas entradas de auga cara ao interior do inmoble.
Relacionadas:
-
A reforma integral de Michelena 30 continuará polo seu primeiro andar
Por Alejandro Espiño |
-
Os recuperados azulexos florais do século XIX xa rutilan no edificio administrativo do Concello
Por Redacción |
-
A sede municipal de Michelena fai augas e o Concello terá que poñer máis diñeiro
Por Oskar Viéitez |
-
Farán unha revisión integral da fachada de Michelena 30 tras detectar fendas
Por Alejandro Espiño |