Mocidade voluntaria di adeus despois de dous meses atendendo os peregrinos no programa 'Xacobeando'
Por Redacción
Durante os meses de xullo e agosto un grupo de mozos de diversos países europeos como Letonia, Estonia, Portugal, Grecia, Lituania, Italia ou a propia España colaboraban a desenvolver durante estes meses diversas actividades dentro do roteiro xacobeo que cruza Pontevedra. O seu labor consistía en axudar ás persoas que realizan o Camiño e poñer tamén en valor este percorrido do itinerario portugués a Compostela.
Luís López, delegado territorial da Xunta de Galicia, e a secretaria territorial, Marta Iglesias, despedíanse deste equipo de voluntarios na praza da Peregrina e realizaron un percorrido acompañándoos ata o Centro de Recursos Educativos (CRE) da Once situado en Campolongo.
Entre as actividades realizadas por este grupo, dentro do programa Xacobeando, desenvolvéronse accións de inclusión, con acompañamento de persoas con necesidades especiais atendendo a un protocolo establecido por Cogami. Tamén exerceron funcións de sustentabilidade, con limpeza e concienciación ambiental; de dixitalización, coa creación de recursos e experiencias sobre o Camiño Portugués en redes sociais e novas tecnoloxías.
A estes labores únese a de seguridade, centrada en dar información de medidas anti-covid e de acollemento, con apoio, recepción e información aos peregrinos. O seu labor de atención realizábase todos os días entre as 13.00 e as 15.00 horas no Albergue de Peregrinos de Pontevedra no momento de chegada.
En toda Galicia, ao redor de 80 persoas voluntarias de ata 30 anos colaboraron este verán nos roteiros xacobeos. Algúns destes grupos manterán a actividade ata finais de setembro, como é o caso do Francés ou o Inglés; ou mesmo ata outubro, como é o caso do Primitivo ou o de Inverno.
Relacionadas:
-
Cogami imparte en Cuntis un curso de expendedor de combustible para 12 persoas con discapacidade
Por Redacción |
-
Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, dous 'peregrinos sorpresa' no Camiño Portugués
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
"Habrá más sorpresas" para Pontevedra cos concertos do Xacobeo
Por Alejandro Espiño |
-
O Camiño Portugués, a ruta xacobea máis feminizada, con máis peregrinas mulleres que homes
Por Natalia Puga |
-
Alfonso Rueda, un peregrino en bicicleta máis polo Camiño Portugués
Por Redacción |