Toni Nadal, Elsa Punset, Mario Alonso Puig e Emilio Duró chegan en setembro a Pontevedra para analizar as relacións persoais
Por Redacción
O I Congreso de Relacións Persoais Atlantic Meet converterase nun espazo para analizar novas experiencias e conectar con outras persoas despois dos momentos de parón provocados pola pandemia. Desta forma, os días 15 e 16 de setembro o Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá a catro relatores de nivel internacional como son Toni Nadal, Elsa Punset, Emilio Duró e Mario Alonso Puig para tratar temas vinculados ás relacións persoais.
Os seus relatorios tratarán a importancia do liderado responsable ou a fortaleza dos valores que definen a cada persoa para manter o rumbo e avanzar na consecución de metas persoais e profesionais. Ademais destas catro relatorios estelares, tamén se desenvolverán mesas redondas sobre o turismo sostible para o desenvolvemento das cidades, con especial atención ao Camiño de Santiago neste ano Xacobeo. Tamén se tratará a economía circular e o respecto medio ambiental.
A cita contará con proxectos innovadores en materia de sustentabilidade, coidado do medio ambiente, deporte e mellora da calidade laboral, co premio PC Box, que está dotado con 1.500 euros, destinado a persoas emprendedoras que queiran presentar os seus proxectos no primeiro día do Congreso.
O ciclista Ezequiel Mosquera e a piragüista Teresa Portela serán outros dos grandes protagonistas do evento nos seus relatorios sobre deporte. Expoñerán as súas experiencias para compartilas cos asistentes.
Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica e Turismo, afirma que a celebración do Atlantic Meet non pode ser máis oportuna, nun contexto no que é necesario adaptar os proxectos a unha realidade na que cada vez teñen máis peso factores como a sustentabilidade ou a economía circular. O evento está destinado a persoas con perfil empresarial pero tamén está aberto a toda a cidadanía interesada na relación entre as persoas, segundo explica a concelleira.
O evento conta co patrocinio de Visit Pontevedra; a Xunta de Galicia; o Concello de Pontevedra; a Deputación de Pontevedra; Clínicas ON e Edigal. A venda de entradas está dispoñible en www.atlanticmeet.com ao prezo de 90 euros por día ou a través dun bono de 150 euros as dúas xornadas.