Pospoñen para setembro a celebración do Congreso de Relacións Persoais Atlantic Meet
Por Redacción
A organización do I Congreso de Relacións Persoais Atlantic Meet informou este martes do cambio de datas que experimentará o evento, debido a causas de forza maior. O congreso impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, que estaba previsto para o 12 e 13 de maio, celebrarase finalmente os días 15 e 16 de setembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.
O cartel de conferenciantes non sufrirá ningunha modificación, confirmándose así a asistencia á Boa Vila, de referentes no mundo das relacións persoais, o emprendemento e a motivación laboral como Toni Nadal, Mario Alonso Puig, Emilio Duró e Elsa Punset. O único cambio será no reparto das charlas por días. O xoves, abrirán as conferencias Punset e Duró, mentres que o venres será a quenda para Alonso Puig e Nadal.
Desde a organización do congreso, piden desculpas polas molestias que poida ocasionar aos interesados en acudir ao evento o cambio de datas e por iso porán de novo en marcha unha promoción na venda de entradas, que agora se dividirá en tres intervalos temporais, con prezos reducidos para aqueles que queiran reservar xa as datas no seu calendario.
Todas as persoas que xa tiñan adquirida a súa entrada para maio foron contactadas nestes días pola organización de Atlantic Meet, dándolles a posibilidade de reembolso completo do importe ou de manter a entrada cara a setembro.
Tal e como estaba recollido ata agora nas redes sociais e na web do evento, poderán adquirirse entradas completas e de día único, todas elas coa opción extra de participar no cóctel que preparará Casa Solla, onde tamén se celebrará un concerto e se potenciarán os contactos profesionais entre empresas e participantes.
Precisamente, esa actitude de espazo creador de sinerxías é o que motiva toda a filosofía de Atlantic Meet e das actividades complementarias coas que conta, como relatorios, mesas redondas sobre o Camiño de Santiago, os valores do deporte, o turismo, a gastronomía e a economía local, así como a presentación de proxectos emprendedores e unha ruta gastronómica nada en colaboración con Pontevedra Capital Gastro.
O evento conta co patrocinio de Visit Pontevedra, da Concellaría de Promoción Económica, da Xunta, e da empresa Edigal, así como coa colaboración de A Maquía e PC Box.
A compra de entradas cos prezos da promoción e as novas datas xa está dispoñibles a través de www.atlanticmeet.com.
Relacionadas:
-
Comeza no Pazo da Cultura o Congreso Atlantic Meet sobre relacións persoais
Por Redacción |
-
Toni Nadal, Elsa Punset, Mario Alonso Puig e Emilio Duró chegan en setembro a Pontevedra para analizar as relacións persoais
Por Redacción |
-
Os últimos avances tecnolóxicos do deporte preséntanse esta fin de semana en Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Toni Nadal, Emilio Duró, Elsa Punset e Mario Alonso Puig veñen a Pontevedra co I congreso Atlantic Meet
Por Redacción |