Agárdanse chuvias febles e intermitentes durante o sábado da Feira Franca
Por Redacción
Este martes 30 de agosto, Galicia mantense nunha situación intermedia entre as altas e as baixas presións. Os ceos permanecerán moi nubrados en toda a metade oeste, afectando ás Rías Baixas. As temperaturas manteranse en descenso, para situarse en valores baixos para esta época do ano, segundo indica o servizo de Meteogalicia, movéndose entre os 14 e os 24 graos. O vento soprará frouxo de dirección variable, con predominio do compoñente oeste.
A situación atmosférica continuará sendo moi indefinida durante o último día de agosto. A mañá ofrecerá nubes baixas e néboas en xeral que irán deixando paso a unha tarde con ceo algo máis aberto. Existe a posibilidade dalgunha choiva moi débil e ocasional na zona oeste de Galicia. Rexistraranse brétemas costeiras en todo o litoral atlántico, localmente persistentes. As temperaturas sitúanse entre mínimas de 15 e máximas de 22 graos. Os ventos soprarán frouxos de dirección variable en xeral, tomando un compoñente oeste a medida que avance o día.
O xoves 1 de setembro manterase a situación indefinida, coa entrada de aire húmido atlántico. Haberá bancos de néboa matinais que deixarán paso a ceos con máis nubes nas Rías Baixas, coa posibilidade dalgunha choiva débil e ocasional. As brumas costeiras manteranse no litoral atlántico, localmente persistentes. As temperaturas seguirán en lixeiro descenso para establecerse entre os 13 e os 23 graos. Os ventos manterán a dirección variable, con predominio de oeste.
A partir do venres, Galicia quedará nunha situación intermedia entre un anticiclón situado ao norte de Azores e unha borrasca que se achega a Irlanda. Os ceos manteranse nubrados, con posibilidade dalgún chuvasco ocasional, menos probables no sur de Galicia. Os termómetros moveranse entre os 14 e os 22 graos, con ventos frouxos, de dirección variable, tomando compoñente norte durante a tarde.
Meteogalicia establece nun 90% as posibilidades de chuvias febles durante o sábado 3 de setembro
A fin de semana preséntase con predominio dos ventos de compoñente oeste. Espérase un aumento das nubes e temperaturas entre 14 e 22 graos. Un centro de baixas presións achegarase a Galicia provocando que no litoral oeste se produzan algunhas precipitacións débiles e intermitentes, coa chegada dunha fronte atlántica durante as últimas horas do sábado.
As probabilidades de choiva situaranse nun 90% durante o 3 de setembro, día de celebración da Feira Franca, mentres que na xornada do domingo redúcense a un 85%.