Landín Eirín critica a decadencia da Feira de Barro: "a miseria trae miseria"
Por Anxo Lourido
José Antonio Landín Eirín con integrantes do seu novo grupo político, Xuntos por Galicia, de Barro, visitaba o domingo 28 o recinto da feira ambulante do municipio e afirma quedarse sorprendido ao comprobar que había menos de oito postos de venda: "había catro manteros e dous ou tres postos por alí dos outros e non había nada máis", apunta o ex alcalde para asegurar que "a miseria trae miseria".
O ex popular afirma que cando el se atopaba á fronte da alcaldía dicíase que "era un negocio de Landín e máis de Morón" en referencia ao clan de etnia xitana que se encargaba da xestión dos postos do mercado ambulante. "Estaba todo cheo con 150 postos", lembra Landín de cando el estaba á fronte da corporación en contraste coa situación que se atopou este domingo: "ás seis da tarde, a pouca xente que chegaba por alí daba volta dicindo que daba pena e iso afecta a todo Barro", asegura sinalando que as cafeterías, panaderías, tendas de agricultura e de produtos de campo sofren as consecuencias da falta de actividade no recinto feiral do municipio.
Ao seu entender a solución pasa agora por volver á xestión privada da feira. Entende que esa fórmula deixaba diñeiro ao Concello e non causaba gastos ao Concello porque a seguridade e limpeza corría a cargo da empresa privada. Neste sentido, critica a xestión do goberno actual que lidera Xosé Manuel Fernández Abraldes (BNG) ao ter municipalizada a xestión da feira sen xerar actividade económica. "Presumían de que ía ser unha gran recadación e desapareceu. Está a custar cartos ao concello", conclúe.
Landín Eirín explica que, nas sesións plenarias, o grupo de goberno utiliza escusas para xustificar esta situación amparándose na pandemia ou na guerra de Ucraína: "todo son evasivas".
Esta situación, segundo o líder de Xuntos por Galicia, esténdese a outras cuestións de organización municipal. Denuncia a falta de planificación e que as obras que se realizan son de cantidades inferiores a 30.000 euros a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. "Catro chapuzas", apunta o ex rexedor ao referirse a estas obras de creación de muros ou de ampliación de camiños. Afirma que a súa formación pediu en pleno a ampliación dos polígonos industriais para activar a creación de emprego e xerar actividade económica sen que obtivese o apoio do BNG.
Ademais alega que falta transparencia na xestión municipal e que son numerosos os veciños que se queixan ao atoparse con "evasivas" ou "malas caras" no Concello cando van tramitar unha obra ou a tentar abrir negocios. "Parece que queren espantar a xente de Barro", sentenza Landín, que recentemente criticaba o estado de abandono do parque de Barosa e a situación de sucidade no interior dos muíños.
Landín sinala que a súa agrupación está a traballar en Barro pero o partido ten obxectivos máis ambiciosos. Admite que mantén contactos con outras persoas do ámbito político co obxectivo de espallar o seu proxecto a outras localidades. "Teño pendente tomar uns viños con uns e uns cafés con outros, ir falando con xente de concellos pequenos e con algún non tan pequeno tamén", asegura o médico xubilado e ex alcalde de Barro ao falar de Xuntos por Galicia, a súa nova iniciativa política, despois de abandonar o Partido Popular por desacordos coa actual dirección.