Traslado provisional de pacientes da UCI de Montecelo debido a unhas obras de renovación
Por Redacción
Esta primeira fin de semana de setembro conleva un traslado de pacientes da UCI de Montecelo. Segundo informa a Consellería de Sanidade, durante o sábado 3 e o domingo 4 está prevista unha intervención programada de renovación e mantemento nas instalacións da Unidade de Coidados Críticos situada na segunda planta. Esta actuación tamén incrementará en catro camas a zona de hospitalización de Traumatoloxía, segundo informa a xerencia da área sanitaria. Ese espazo situado na planta superior incorpora esas camas tras a rehabilitación de zonas asistenciais.
As obras previstas centraranse en renovar a rede de saneamento do falso teito da UCI. Tamén se realizará unha revisión das instalacións eléctricas e efectuaranse arranxos, ademais de pintar. Estes traballos non poderían efectuarse coa planificación temporal necesaria no caso de que se atopasen profesionais sanitarios e pacientes nestes punto asistencial.
O traslado provisional dos pacientes realizarase á Unidade de Reanimación Post Anestésica (URPA), situada na segunda planta do Hospital Montecelo, a unha curta distancia, segundo a xerencia da área sanitaria. Este traslado farase efectivo durante a mañá deste venres 2, a través dun operativo coordinado e planificado para garantir a continuidade asistencial e a seguridade tanto para pacientes ingresados como para os profesionais que prestan servizo neste servizo.
Esta actividade desenvólvese aproveitando tamén o período temporal en que existe unha menor presión asistencial sen pacientes afectados por covid-19 na UCI e, desta forma, minimizar os potenciais riscos que poderían derivarse do cambio de emprazamento, indican desde a xerencia. Os pacientes volverán á zona da UCI durante os primeiros días da vindeira semana.