Cuntis convoca axudas de 120 euros para mercar material escolar para nenos entre os 3 e os 5 anos
Por Redacción
O Concello de Cuntis abre unha liña de axudas ao estudio para familias con dificultades socioeconómicas dotada con 120 euros por alumno.
Estas axudas van orientadas a apoiar ás familias con fillos matriculados no centro escolar público de Cuntis para o curso que comeza esta semana no segundo ciclo de Educación Infantil, con idades comprendidas entre os 3 e os 5 anos.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, explica que esta medida adoptada polo goberno local pretende minorar o efecto que o inicio do curso provocada nas economías domésticas das familias con menos recursos, ao tratarse dunha etapa escolar cunha importante necesidade de material de diferente tipo.
Ademáis de estar empadroados no concello de Cuntis e con residencia efectiva no mesmo, os alumnos deben convivir na unidade familiar cos solicitantes da axuda. Estes deben cumprir tamén cun parámetro económico para percibir a axuda, xa que os ingresos da unidade familiar non poden superar o límite establecido polo Concello.
A solicitude e a documentación requirida está a disposición das familias interesadas nas dependencias municipais de Servizos Sociais, na páxina web do Concello de Cuntis ou no número 986185468. Estas axudas poderán solicitarse no departamento de Servizos Sociais antes do 22 de setembro.